Mostrando las entradas para la consulta radio ordenadas por relevancia. Ordenar por fecha Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas para la consulta radio ordenadas por relevancia. Ordenar por fecha Mostrar todas las entradas

miércoles, 29 de noviembre de 2023

VISITA E FORMACIÓN EN RADIO NA EMISORA CUAC FM

Grazas ao apoio da Fundación Ayuda en Acción, que promoveu a creación dun Club de Radio no CPI Virxe da Cela e organizou esta saída extraescolar, unha ducia de alumnos/as da ESO visitaron as instalacións da emisora CUAC FM  o pasado mércores 29 de novembro de 2023. Ademais dos/as rapaces/zas que forman parte deste recén nacido Club de Radio, sumáronse tamén os/as alumnos/as integrantes do Club de Lectura Larparcontos, xa que aproveitamos esta oportunidade para coñecer as posibilidades da radio para sacar ideas que nos servan para utilizar á hora de elaborar productos radiofónicos centrados nas nosas lecturas. Tivemos unha fantástica acollida por parte de dous dos membros fundadores desta emisora de radio coruñesa, que con moito orgullo fixeron unha visita guiada polas instalacións, situadas no campus universitario de A Zapateira, explicando todo o equipamento e facendo unha visión panorámica da evolución desta radio comunitaria, desde os seus orixes, en 1996. Despois da visita guiada recibimos unha formación teórica, que nos deixou con gañas de seguir traballando con este medio, e, por que non, de volver de novo a finais de curso para poder gravar un programa en directo!! 

Rematamos esta actividade moi motivados coa experiencia, ademais de levar algún agasallo para casa: un par de exemplares do libro Alfabetización mediática y medios de comunicación. Experiencias, aprendizajes y potencialidades para los medios comunitarios, escrito por Isabel Lema Blanco (unha das persoas encargadas de acollernos nesta visita guiada), e tamén varios Cds de Isto é Galego, unha produción de CUAC FM. 

Eu creo que a viaxe que fixemos a Radio CUAC FM serviume para coñecer como se fai radio detrás das cámaras, como é a gravación e a edición de sons ou como se elaboran os guións. Ademais CUAC FM é unha radio comunitaria e independente. Alí nos enseñaron como se formou a Radio CUAC FM, e os seus integrantes. CUAC FM ten uns 26 años e foi creada por universitarios. A min gustaríame facer un programa en directo na emisora ao final de curso, paréceme  interesante. Erik (1º ESO)













Cuac Fm Ies Monfero Taller Radio by veracruces on Scribd


martes, 28 de mayo de 2024

RTVENXEBRE E RADIO XESTEIRA: A VOZ DA INFANCIA RURAL

A radio é un unha ferramenta pedagóxica e dixital utilizada no noso centro educativo desde hai varios anos. Ademais do uso libre que se fai desta ferramenta por parte do profesorado e grupos de alumnado, participamos en diferentes programos e proxectos radiofónicos tanto de maneira institucional como a través de colaboracións. Queremos destacar a importante axuda que a Fundación Ayuda en Acción está a ofrecer no noso centro desde hai máis dunha década para a loita contra as desigualdades e fomentar a igualdade de oportunidades. 

RTVEnxebre é un proxecto de Ayuda en Acción co apoio da Xunta de Galicia. Desenvolve: AGARESO, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social. Fomentar a participación infantil, favorecer a inclusión e o desenvolvemento socio educativo da infancia rural e a posta en valor da cultura rural galega son os obxectivos que a Fundación Ayuda en Acción marcouse xa no ano 2018 para dar inicio a este proxecto, a través da creación de tres radios rurales escolares nas localidades coruñesas de Mazaricos, Zas e Monfero. 

Contamos co apoio de profesionais que visitan o noso centro quincenalmente para ofrecer formación ao alumnado de educación primaria, e así permitir alzar a voz e participar activamente aos escolares, falando dos temas que lles preocupan. Neste curso 2023-2024 realizáronse variados podcast que queremos compartir coa comunidade educativa:


Preme a imaxe ou ligazón para acceder a Radio Xesteira en Ivoox

O mar: Programa completo realizado polo alumnado de 3ºEP. Programa con todos os contidos realizados durante o curso polos nenos e nenas de 3º de primaria na súa investigación sobre o mar.

O abandono animal: Programa completo realizado polo alumando de 4ºEP con todos os contidos realizados durante o curso polos nenos e nenas de 4º de primaria na súa investigación sobre o abandono animal.

A muller no rural: Programa completo do alumando de 5ºEP, con todos os contidos realizados durante o curso polos nenos e nenas de 5º de primaria na súa investigación sobre a Muller no rural.

Os deportes: Programa completo do alumnado de 6ºEP con todos os contidos que realizaron durante o curso os mozos e mozas de 6º de primaria no seu proceso de investigación sobre os deportes.

Entrevista a Mikel Pasabant, campión de vela, polo alumnado de 6º. O alumnado de 6º centrou a súa investigación nos deportes, e quen mellor para falar dun deles, que un campión! Mikel Pasabant que ademáis de ser profe de inglés no cole é tamén campión de vela! e moito máis, xa veredes!!

Entrevista a Dolores Porto, Granxas Lousada: Doleres, nai de Antón e propietaria da granxa Lousada en Irixoa responde a un montón de interesantes preguntas que lle fan os nenos e nenas de 5º de primaria.

Entrevista a Sandra Amezaga de Mulleres Salgadas. A que sabe o peixe? quen son e que fan as Mulleres Salgadas? que podemos facer os nenos e nenas para reducir a contaminación dos mares? Estas son só algunhas das cuestións que o alumnado de 3º de primaria decidiu preguntarlle a Sandra Amezada, secretaria da Asociación Mulleres Salgadas, que se pasou pola nosa radio nestes días. Grazas Sandra!!

O alumnado de 4ºEP entrevista a Marisé da protectora de animais de Irixoa. Cales son as principais causas do abandono animal? Que hai que facer cando atopas un animal abandonado? Marisé, da protectora de animais Francisco de Asis de Irixoa responde tódalas dúbidas plantexadas polo alumnado de 4º...e foron moitas!!!

Os deportes preferidos dos mozos e mozas de 6º. Queres coñecer cales son os deportes preferidos do alumnado de 6º ? e por que? Pois non perdas esta pequena peza onde nolo contan!

Pasapalabras sobre o mar con 3ºEP. Canto sabes sobre os animais mariños? Xoga co alumnado de 3º a un Pasapalabras radiofónico moi especial

Faladoiro sobre a muller no rural con 5ºEP. Os nenos e nenas de 5ºEP participan nestes interesantes faladoiros onde dan a súa opinión sobre a imaxe que se ten do rural dende as cidades, os traballos que realizan mulleres no rural ou se hai verdadeira igualdade entre os homes e as mulleres, entre outros temas. Moi recomendable escoitar o que teñen que dicir!

Como foi a visita da asociación 13 GRADOS? O alumnado de3 º EP cóntanos como foi a visita que tiveron no colexio da Asociación 13 GRADOS que se encarga entre outras cousas de gravar os fondos mariños de Galicia.

1º Conto sobre o abandono animal por 4º de EP. O alumnado de 4º EP, presenta o primeiro dos contos que realizaron sobre o abandono animal...pero estade pendentes porque hai máis!

2º conto sobre o abandono animal por 4ºEP. O alumnado de 4º EP, presenta o segundo dos contos que realizaron sobre o abandono animal.

3º Conto sobre o abandono animal cos nenos e nenas de 4º EP. Cun ton moi distinto aos dous contos anteriores, o terceiro grupo de 4º propón esta historia que ben podía estar sacada dunha lenda de Samaín...que medo!!

Faladoiro sobre o abandono animal con 4ºEP. Tes animais na casa? que farías se algún se perdera? que sinten os animais cando se abandonan? O alumnado de 4ºEP danos a súa opinión sobre a temática que traballaron durante todo o curso: o abandono animal.

O alumnado de 3º EP cóntanos o que aprendeu durante o proxecto. Queres saber o que aprenderon os nenos e nenas de terceiro? pois eles e elas mesmas no lo contan nesta peza!!

Recomendacións do alumnado de 3º EP. Os nenos e nenas de terceiro de primaria investigaron sobre o mar durante todo o curso. Despois de todo este traballo, atoparedes nestras tres pezas radiofónicas as súas principais recomendacións.

Aprendizaxes e recomendacións do alumnado de 4º EP. Tras todo un curso investigando sobre o abandono animal, aquí podedes escoitar as aprendizaxes e tamén as recomendacións que nos fan os nenos e nenas de cuarto de primaria.

Aprendizaxes e recomendacións do alumnado de 5º EP. Os nenos e nenas de quinto de primaria cóntannos nestas tres cuñas as súas reivincicacións e aprendizaxes sobre "A Muller no rural", a temática que escolleron e traballaron durante todo o curso.

Aprendizaxes e recomendacións do alumnado de 6º EP. Despois de todo un curso investigando sobre os deportes aquí están as principais aprendizaxes e as recomendacións que nos fai o alumnado de 6º de primaria. Escoitade que hai cousas ben interesantes!

A experiencia en RadioTVEnxebre-Radio Xesteira do alumnado de 3ºEP. Os nenos e nenas de 3º de primaria fan un balance da súa experiencia radiofónica e de participación infantil en RTVEnxebre-Radio Xesteira este ano.

A experiencia en RadioTVEnxebre-Radio Xesteira do alumnado de 4ºEP. Neste pequeno programa o alumnado de 4º de primaria fai un pequeno resumo da súa experiencia radiofónica e de participación infantil en RTVEnxebre-Radio Xesteira este ano.

A experiencia en RadioTVEnxebre-Radio Xesteira do alumnado de 5ºEP. O alumnado de 5º de primaria fai un balance da súa experiencia radiofónica e de participación infantil en RTVEnxebre-Radio Xesteira este ano.

A experiencia en RadioTVEnxebre-Radio Xesteira do alumnado de 6ºEP. Neste pequeno programa o alumnado de 6º de primaria fai un pequeno resumo da súa experiencia radiofónica e de participación infantil en RTVEnxebre-Radio Xesteira este ano.


martes, 10 de junio de 2025

RADIO CUN SORRISO: É A NOSA HORA.

 “Radio cun sorriso” é unha iniciativa do CPI Virxe da Cela para traballar na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e o benestar empregando a radio como unha ferramenta de aprendizaxe e cambio social en colaboración con Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social)

O alumnado da ESO desenvolveu as súas competencias comunicativas a través do diálogo e da reflexión sobre os temas que máis lles preocupan,  sempre dende unha perspectiva positiva e tentando achegar solucións. Cómpre dicir que as temáticas enfocáronse cara ao tratamento dos ODS partindo da análise e posta en valor da realidade contextual do alumnado e contando con referentes significativos da súa realidade para enfocala despois cara a unha visión máis global. Neste caso camiñamos cara a valoración e a consecución do Obxectivo 4: Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos.

 A través da micro-experiencia “Radio cun sorriso: Esta é a nosa hora”, 18 alumnas e alumnos de 1º ESO reflexionaron, investigaron e tiraron conclusións sobre a importancia do seu horario escolar e a repercusión nas súas propias vidas a todos os niveis. Para darlle visibilidade ás súas inquedanzas empregaron a radio como soporte e elaboraron un programa radiofónico que inclúe a presentación do tema, o punto de vista da maioría dos axentes implicados, as conclusións e as posibles solucións ás súas preocupacións.

As micro-experiencias do Globo desenvólvense en 3 fases:

LUCES

As alumnas e os alumnos escolleron democraticamente a temática de interese coa técnica da diana e, a través da metodoloxía da árbore de problemas, identificaron a problemática do horario escolar no centro, analizaron as causas e tamén as súas consecuencias. Con todo isto elaboraron a introdución do programa de radio.


CÁMARA

Ao introducírense na temática do horario escolar decidiron investigar varias cuestións que lles xeraban curiosidade e das que non tiñan coñecementos, como por exemplo: quen decide os horarios dos centros escolares, a posibilidade de modificar esa cuestión desde o centro ou mesmo a historia do seu horario. Para isto decidiron recorrer a fontes de información do propio centro e pensaron que entrevistar ao Secretario sería unha boa opción para obter respostas. Mais a opinión dunha persoa non era suficiente para facer un estudo completo da situación e tomaron a decisión de elaborar enquisas sobre o tema para o resto do alumnado do centro e tamén para as familias.


ACCIÓN

Elaboradas as enquisas só quedaba repartilas polas aulas e recollelas unha vez finalizadas. Para iso, as alumnas e os alumnos organizáronse en pequenos grupos e encargáronse da tarefa. Por outro lado, tamén había que recompilar información da parte das familias e o grupo decidiu que todas e todos participarían nese labor a nivel individual, ben con gravacións de voz, ben con recollida escrita de testemuños.

Unha vez recollidos os datos, organizáronos en gráficas e analizáronos para chegar a unha conclusión sobre a visión xeral desta cuestión tan importante para o grupo. As súas preocupacións xa non eran só súas, pois identificaron que tamén lle preocupaban á maioría do alumnado do centro e a moitas das familias entrevistadas, por diferentes motivos.



RESULTADO DA EXPERIENCIA

O alumnado de 1º da ESO que participou nesta experiencia partiu da súa propia visión e opinión sobre o horario escolar e concluíu o seu labor cunha perspectiva que ía máis aló do propio grupo, pois fixeron visible unha inquedanza que está presente na comunidade educativa desde hai anos e reabriron o debate dun posible  cambio da xornada escolar.  Con metodoloxías activas e participativas que buscan a participación social e o cambio, estas rapazas e rapaces investigaron para logo faceren unha análise crítica das súas pesquisas e ofrecer alternativas para o dito cambio.

Ademais, a radio serviulles de ferramenta indispensable para a difusión desta actividade e para levar as súas ansias, investigacións e conclusións máis aló da sala de gravación e, deste xeito, chegar a toda a comunidade educativa e a todo aquelas persoas que teñan a ben escoitar a rapazada activa e crítica.

Pódese escoitar o programa radiofónico premendo neste enlace:

lunes, 30 de septiembre de 2024

VISITA Á EMISORA CUAC FM E GRAVACIÓN DUN PROGRAMA RADIOFÓNICO

Luns 30 setembro 2024. Alumnado da ESO do CPI Virxe da Cela pertencente ao Club de Lectura e o Club de Radio visitan a emisora CUAC FM (Coruña) para gravar un programa radiofónico. Esta actividade realízase grazas ao apoio e colaboración coa Fundación Ayuda en Acción. 

A excursión á emisora comarcal da Coruña CUAC FM foi unha chulada. Supoño que inflúe que sexa a primeira e única excursión do ano de momento, pero igualmente gustoume moito. Creo que é unha boa maneira de aprender, sobre todo porque me gusta ese mundo da radio, (cousa que levo facendo dende pequeno e ademáis na casa pola miña conta unha chea de veces poñendo a música que me gustaba e facendo de locutor). 

Na excursión dividíronnos en dous grupos e mentres un grupo ía a gravar o outro visitaba as instalacións e escoitaba a charla dun locutor da emisora (Tomi Legido), estivo moi ben. O programa que gravamos alí ia sobre a lectura e cada un de nós falabamos un pouco da nosa experiencia na lectura e en como a promoviamos. 

Logo de acabar na radio fomos a comer ao centro da Coruña e antes de irnos como nos sobrou tempo fomos a ver unha libraría. 

Espero seguir no futuro facendo cousas similares xa que como dixen gústame este mundo. Ademáis contando co contacto e axuda dun experto de alto nivel (e amigo) como é Jesús Taltavull, locutor da radio LOS40 que emite para toda España dende Madrid e é a radio máis escoitada de todo o país. Por esto, parecéume unha boa maneira de seguir co meu desenvolvemento nese mundo. Espero que no futuro se poidan facer máis excursións deste tipo, como por exemplo á emisora da Cadena SER, xa que foi unha chulada ver en persoa locutores de radio en Madrid que eu escoitaba tódolos días (como foi o caso dunha viaxe que fixemos fai anos na escola). Marcos G. (3º ESO).


A nosa visita as instalacións de CUAC FM comezou sobre as 11.00. h. Déronnos unha charla sobre a historia da emisora, o orixe do seu nome e incluso unha pequena narración dos seus problemas á hora de crear a radio, ademais dunha pegatina co logo da emisora. Dividíronnos en dous grupos: o 1º estaba composto por alumnos/as que xa visitara as instalacións un ano anterior, e o 2º era de alumnos/as que nunca estiveran alí. Eu estaba no 1º grupo. Metéronnos nunha saliña e vimos un documental, non moi largo, de, outra vez, a súa historia. 

Despois fumos a gravar, eu fun un dos últimos en falar. Fixéronme un par de preguntas sobre as miñas lecturas favoritas. Despois da gravación tivemos un rato libre ao lado do edificio, eu estiven observando como uns rapaces xogaban ao pádel. 

Sobre as 12.30 baixamos en autobus ata a cidade de A Coruña. Fun xantar cuns compañeiros a un restaurante de comida rápida, o KFC. Cando acabamos sobrounos tempo, así que decidimos ir á libraría FNAC, a botar unha ollada. Deunos a hora, reunímonos cos demais e voltamos en bus ao colexio. 

Sinceramente, gustoume máis a visita deste ano que a do ano pasado, xa que este ano foi máis didáctica e na do ano pasado vimos un documental de 2 horas. É diferente gravar nunhas instalacións tan ben preparadas e, honestamente, impresionáronme un pouco. Recomendo que, se tedes a oportunidade, vaiades de visita. Xandre D. (3º ESO).
















miércoles, 11 de junio de 2025

RADIO CUN SORRISO: SUICIDIO XUVENIL E SAÚDE MENTAL

 “Radio cun sorriso” é unha iniciativa do CPI Virxe da Cela para traballar na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e o benestar empregando a radio como unha ferramenta de aprendizaxe e cambio social en colaboración con Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social)

O alumnado da ESO desenvolveu as súas competencias comunicativas a través do diálogo e da reflexión sobre os temas que máis lles preocupan,  sempre dende unha perspectiva positiva e tentando achegar solucións. Cómpre dicir que as temáticas enfocáronse cara ao tratamento dos ODS partindo da análise e posta en valor da realidade contextual do alumnado e contando con referentes significativos da súa realidade para enfocala despois cara a unha visión máis global. Neste caso camiñamos cara a valoración e a consecución do Obxectivo 3: Garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades.

A través da micro-experiencia “Radio cun sorriso: Suicidio xuvenil e saúde mental”, 10 alumnas e alumnos de 4º ESO reflexionaron, investigaron e tiraron conclusións sobre a importancia da saúde mental e das consecuencias que pode chegar a ter unha persoa que presente problemáticas relacionadas con esta. Para darlle visibilidade ás súas inquedanzas empregaron a radio como soporte e elaboraron un programa radiofónico que inclúe a presentación do tema, datos estatísticos a nivel autonómico e estatal, unha entrevista con recomendacións dunha profesional e as reflexións do grupo sobre o tema.

As micro-experiencias desenvólvense en tres etapas:

LUCES

As alumnas e os alumnos escolleron democraticamente a temática de interese coa técnica da diana, isto é, escribiron diferentes preocupacións nuns papeliños que logo foron pegando nunha diana desde o centro ata fóra segundo o seu nivel de importancia. Desta dinámica saíron dous temas principais: o racismo e a pedofilia.  A través da metodoloxía da árbore de problemas, identificaron as causas e as consecuencias dos problemas principais e, por último, escolleron  a temática do suicidio xuvenil entre outras temáticas como a perda de falantes en lingua galega, a inmigración ou o racismo. Observaron como remataron por escoller para a súa investigación unha das consecuencias dunha das problemáticas iniciais e non a propia problemática. Con todo isto elaboraron a introdución do programa de radio.

CÁMARA

Ao introducírense na temática do suicidio xuvenil precisaban aclarar varias cuestións que lles xeraban curiosidade e das que non tiñan coñecementos, como por exemplo: cantas casos hai de suicidios na nosa comunidade, cales son as causas que poden levar a unha persoa a tomar esa decisión, se hai un soporte sanitario eficaz para atender as persoas que precisan axuda, como se pode axudar a evitar este problema, etc. Para isto decidiron investigar fontes informáticas como:

https://www.sanidad.gob.es/gabinete/notasPrensa.do?id=6418 https://www.savethechildren.es/actualidad/suicidios-adolescentes-espana-factores-riesgo-datos ,  https://www.aldeasinfantiles.es/area-prensa/aldeas-infantiles-sos-urge-a-la-sociedad-en-su-conjunto-a-prevenir-el-suicidio-adolescente-y-juvenil

https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/Plan-de-prevenci%C3%B3n-do-suicidio-en-Galicia?idioma=es

https://www.stopsuicidiogalicia.org/o-suicidio/

Ademais,  acordaron entrevistar á Orientadora do centro para buscar respostas á súa preocupación. 

ACCIÓN

Recollida toda a información, para gravaren un programa radiofónico que reflectise a importancia da saúde mental na nosa sociedade, as alumnas e alumnos elaboraron un guión que lles facilitou o desenvolvemento do seu traballo. Concretaron unha entrevista con Lara Real, a Orientadora do centro e Psicóloga, e coñeceron de primeira man moitos aspectos sobre a realidade do suicidio xuvenil.


RESULTADO DA EXPERIENCIA

O alumnado de 4º da ESO descubriu que a saúde e o benestar son dereitos que a sociedade debe ter garantidos. Ás veces, a sanidade non é quen de atender todos os casos e cando chega a atención xa é tarde para as persoas que sofren algunha doenza. As rapazas e rapaces do grupo concienciáronse da importancia da saúde e, máis concretamente, da saúde mental xa que, malia non o consideraren, este é un problema que lle afecta tamén á mocidade e podería incluso afectarlles directamente. Asemade, desenvolveron empatía cara ás persoas afectadas e quixeron salientar a importancia do suicidio xuvenil e crear conciencia na comunidade educativa sobre a importancia da boa saúde, dos estilos de vida saudables e do dereito das persoas a uns servizos de atención médica de calidade, especialmente cara aos máis vulnerables, coma as mulleres e os nenos.

Con metodoloxías activas e participativas que buscan a participación social e o cambio, estas rapazas e rapaces investigaron para logo faceren unha análise crítica das súas pesquisas e ofrecer alternativas para o dito cambio empezando polo propio autocoidado.

Ademais, a radio serviulles de ferramenta indispensable para a difusión desta actividade e para levar as súas ansias, investigacións e conclusións máis aló da sala de gravación e, deste xeito, chegar a toda a comunidade educativa e a todo aquelas persoas que teñan a ben escoitar a rapazada activa e crítica.

Pódese escoitar o programa radiofónico no seguinte enlace:  ……………………………………….....

jueves, 13 de marzo de 2025

OBRADOIRO CON LABORATORIO DE RADIO (RADIO NA BIBLIO)

 

Radio na biblio é un programa impulsado por Bibliotecas Escolares que incide na alfabetización mediática e computacional do alumnado con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.

Nesta ocasión contamos cun obradoiro de formación para o alumnado de 1º de ESO e 5º de EP a cargo de Sergio, un dos responsables da empresa Laboratorio de radio, que xa coñece este  centro por proxectos anteriores co noso alumnado.

Sergio lembrounos a importancia de saber escoitar na radio (e na vida) e, sobre todo, da escoita activa para acadar unha mellor comunicación. Durante a sesión realizamos varias dinámicas que deron como resultado dous relatos curtos realizados coa técnica creativa do “cadáver exquisito” que gravamos na radio.

Aprendemos e divertímonos!

Unha imaxe na que se mostra roupa, computador, calzado, moblaxe

O contido que xera a IA pode ser incorrecto.

 

Semana de Polos Creativos 25/26

Entre os días 1 e 5 de xuño celebramos no noso centro a Semana de Polos Creativos , unha iniciativa deseñada para achegar ao alumnado e ao p...