“Radio cun sorriso” é unha iniciativa do CPI Virxe da Cela para traballar na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e o benestar empregando a radio como unha ferramenta de aprendizaxe e cambio social en colaboración con Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social)
O alumnado da ESO desenvolveu as súas competencias comunicativas a través do diálogo e da reflexión sobre os temas que máis lles preocupan, sempre dende unha perspectiva positiva e tentando achegar solucións. Cómpre dicir que as temáticas enfocáronse cara ao tratamento dos ODS partindo da análise e posta en valor da realidade contextual do alumnado e contando con referentes significativos da súa realidade para enfocala despois cara a unha visión máis global. Neste caso camiñamos cara a valoración e a consecución do Obxectivo 4: Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos.
A través da micro-experiencia “Radio cun sorriso: Esta é a nosa hora”, 18 alumnas e alumnos de 1º ESO reflexionaron, investigaron e tiraron conclusións sobre a importancia do seu horario escolar e a repercusión nas súas propias vidas a todos os niveis. Para darlle visibilidade ás súas inquedanzas empregaron a radio como soporte e elaboraron un programa radiofónico que inclúe a presentación do tema, o punto de vista da maioría dos axentes implicados, as conclusións e as posibles solucións ás súas preocupacións.
As micro-experiencias do Globo desenvólvense en 3 fases:
LUCES
As alumnas e os alumnos escolleron democraticamente a temática de interese coa técnica da diana e, a través da metodoloxía da árbore de problemas, identificaron a problemática do horario escolar no centro, analizaron as causas e tamén as súas consecuencias. Con todo isto elaboraron a introdución do programa de radio.
Ao introducírense na temática do horario escolar decidiron investigar varias cuestións que lles xeraban curiosidade e das que non tiñan coñecementos, como por exemplo: quen decide os horarios dos centros escolares, a posibilidade de modificar esa cuestión desde o centro ou mesmo a historia do seu horario. Para isto decidiron recorrer a fontes de información do propio centro e pensaron que entrevistar ao Secretario sería unha boa opción para obter respostas. Mais a opinión dunha persoa non era suficiente para facer un estudo completo da situación e tomaron a decisión de elaborar enquisas sobre o tema para o resto do alumnado do centro e tamén para as familias.
ACCIÓN
Elaboradas as enquisas só quedaba repartilas polas aulas e recollelas unha vez finalizadas. Para iso, as alumnas e os alumnos organizáronse en pequenos grupos e encargáronse da tarefa. Por outro lado, tamén había que recompilar información da parte das familias e o grupo decidiu que todas e todos participarían nese labor a nivel individual, ben con gravacións de voz, ben con recollida escrita de testemuños.
Unha vez recollidos os datos, organizáronos en gráficas e analizáronos para chegar a unha conclusión sobre a visión xeral desta cuestión tan importante para o grupo. As súas preocupacións xa non eran só súas, pois identificaron que tamén lle preocupaban á maioría do alumnado do centro e a moitas das familias entrevistadas, por diferentes motivos.
O alumnado de 1º da ESO que participou nesta experiencia partiu da súa propia visión e opinión sobre o horario escolar e concluíu o seu labor cunha perspectiva que ía máis aló do propio grupo, pois fixeron visible unha inquedanza que está presente na comunidade educativa desde hai anos e reabriron o debate dun posible cambio da xornada escolar. Con metodoloxías activas e participativas que buscan a participación social e o cambio, estas rapazas e rapaces investigaron para logo faceren unha análise crítica das súas pesquisas e ofrecer alternativas para o dito cambio.
Ademais, a radio serviulles de ferramenta indispensable para a difusión desta actividade e para levar as súas ansias, investigacións e conclusións máis aló da sala de gravación e, deste xeito, chegar a toda a comunidade educativa e a todo aquelas persoas que teñan a ben escoitar a rapazada activa e crítica.
Pódese escoitar o programa radiofónico premendo neste enlace:
No hay comentarios:
Publicar un comentario