viernes, 5 de junio de 2026

Semana de Polos Creativos 25/26

Entre os días 1 e 5 de xuño celebramos no noso centro a Semana de Polos Creativos, unha iniciativa deseñada para achegar ao alumnado e ao profesorado de infantil e primaria os recursos, materiais e espazos dos que dispón o noso Polo Creativo, favorecendo o desenvolvemento de competencias relacionadas co pensamento creativo e computacional, a programación, a experimentación e a resolución de problemas.

Ao longo da semana organizáronse diferentes obradoiros adaptados ás características e intereses de cada grupo, tendo tamén en conta os contidos curriculares que estaban a traballar nas aulas. Deste xeito, cada experiencia resultou significativa e conectada coa súa aprendizaxe diaria.

O alumnado de Educación Infantil, 1º e 3º de Educación Primaria participou en actividades de robótica e programación básica, nas que puido coñecer e experimentar coa gran variedade de robots dispoñibles no centro. 

      


En 2º de Educación Primaria, o alumnado traballou coa aplicación ChatterPix, dando vida aos planetas do Sistema Solar. 


Pola súa parte, os nenos e nenas de 4º de Educación Primaria afondaron no uso de Makey Makey, explorando as posibilidades da electrónica creativa mediante a elaboración de instrumentos musicais con plastilina condutora, convertendo obxectos cotiás en auténticos dispositivos interactivos.


Finalmente, o alumnado de
5º e 6º de Educación Primaria achegouse aos conceptos básicos da electricidade e dos circuítos eléctricos. A través da construción de circuítos sinxelos, conseguiron iluminar diferentes faros da provincia da Coruña, combinando así aprendizaxes científicas, tecnolóxicas e patrimoniais nun mesmo proxecto.


Esta Semana de Polos Creativos permitiu que todo o alumnado coñecese de primeira man as múltiples posibilidades que ofrecen os recursos do centro para aprender creando, investigando e experimentando. Unha experiencia moi enriquecedora que contribuíu a fomentar a curiosidade, a creatividade e o gusto por aprender a través da tecnoloxía e da innovación.





jueves, 28 de mayo de 2026

FERRAMENTAS DE EDICIÓN DE AUDIO: AUDACITY

 Alumnado de 1º de ESO do CPI Virxe da Cela animouse a aprender os rudimentos técnicos para edición do son, e deste xeito, ser eles mesmos/as os encargados e responsables de pulir e darlle forma ás gravacións de audio realizadas nas pasadas semanas co obxectivo de sacar ás ondas os programas radiofónicos da Campaña Mundial pola Educación. 




domingo, 24 de mayo de 2026

AULA DO FUTURO

Con motivo da celebración do 50º aniversario do centro e da exposición do PDI “Tirando do fío”, que tivo lugar o día 23 de maio, desenvolveuse unha proposta especial arredor do paso do tempo. O centro dividirase en tres espazos simbólicos: pasado, presente e futuro.

O espazo do futuro situarase na biblioteca e na aula de Polos Creativos, converténdose nunha especie de cápsula do tempo na que se darán a coñecer diferentes propostas, materiais e experiencias relacionadas coa creatividade, a tecnoloxía e a innovación educativa levadas a cabo no centro. Desta maneira, o alumnado pode explorar posibles escenarios futuros a través de actividades dinámicas, manipulativas e inspiradas nos recursos de Polos Creativos (construcións, robótica, IA...).










viernes, 22 de mayo de 2026

ALFOMBRA FLORAL CON INTELIXENCIA ARTIFICIAL

O alumnado de Educación Dixital de 3º da ESO estivo realizando experimentos de xeración de imaxes con intelixencia artificial que serviran de inspiración para a elaboración dunha alfombra floral para o Festival dos Maios  e Letras Galegas 2026 contextualizando tamén o centro no seu 50 aniversario. Utilizar a intelixencia artificial pode ser un complemento, pero desde logo precisamos igualmente recursos humanos para levar a cabo o resultado final: unha fermosa e colorida alfombra floral tecida a man coa axuda de todos nós.













lunes, 18 de mayo de 2026

OBRADOIRO DE E-TÉXTIL

Luns 18 de maio de 2026, aula de UUMM, alumnado de Proxecto Competencial de 1º, 2º e 3º ESO e de Educación Dixital 3º ESO.

A cargo de Carmela Salguero López, da empresa Maker Store de Carballo, especializada en productos STEM e actividades de formación para profesorado e alumnado. Este obradoiro está organizado pola Biblioteca Escolar, da través da iniciativa Biblioteca Creativa. O obxectivo é transformar as bibliotecas escolares en espazos de aprendizaxe activa, fomentando a experimentación, o pensamento crítico e o desenvolvemento de competencias tecnolóxicas, científicas e creativas.

Neste obradoiros de e-téxtil (téxtiles electrónicos ou wearables) fusionamos a artesanía téxtil coa electrónica e a programación, aprendendo a coser circuítos, engadir sensores e loces LED á roupa, constituíndo esta actividade un achegamento ao PDI (Proxecto Documental Integrado) Tirando do Fío, que estamos levando a cabo durante este curso 2025-2026.


O luns 18 de maio, o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO en Proxecto Competencial, fumos participantes dun obradoiro E-TÉXTIL, que xunta a electrónica co téxtil, como eses típicos xerseis navideños que tiñan luces. Antes de nada nos tiveron que explicar como funcionaba un circuíto eléctrico, e logo, como facer o noso propio produto. A min, a verdade é que me gustou bastante, tendo en conta que xa sabía todo sobre os circuítos, pero aínda así, botei moitas risas cos meus compañeiros e repitiríao. M.T. E (3º ESO). 

Comezamos o obradoiro informándonos un pouco do que iamos facer ese día na aula de usos múltiples. Explicáronnos como funcionaban os circuitos que normalmente se empleaban nas teas ou nos produtos téxtiles. Seguido diso e dunhas cantas normas de seguridade, comezamos a facer unha pequena práctica con cables, unha pila, a luz led e plastilina conductiva feita de grafito. Tamén comprobamos que si conectamos os polos respectivos da led cos polos respectivos da pila, a led emite un pequeno destello antes de fundirse. Isto sucede xa que a led non pode regular a cantidade de enerxía que consume.  Despois diso comezamos a facer a actividade, que consistiu en, primeiro facer un deseño do que queriamos facer en papel para logo pasalo á realidade. Tuvemos sempre indicacións da organizadora do taller e a axuda das profesoras para poder realizar a actividade do mellor xeito posible. Eu decidín facer un rectángulo de cor azul marina simulando o ceo escuro, uns puntiños de cor blanco simulando estrellas e unha estrela amarela cunha frase inspiradora ao lado. Por detras de todo iso puxen outro rectángulo de cor azul marina tamén para que non se visen os fíos conductores nin nada do pequeno circuito situado na parte de atrás da tea. A. G. B. (3º ESO). 


A actividade consistiu en crear un produto e-téxtil, é dicir, un obxecto feito con tea que tamén leva elementos electrónicos. Primeiro, pensamos que produto queriamos facer e que materiais iamos necesitar, como tea, fío condutor, luces LED e unha pequena batería. Esta parte foi importante para entender como funcionan os circuítos eléctricos. Despois, fixemos o deseño no tecido, marcando por onde tiñan que ir as conexións. A continuación, puxémonos a traballar cos materiais, cosendo os compoñentes e unindo todo para que funcionase correctamente. Durante o proceso tivemos algunhas dificultades, sobre todo para que as conexións funcionasen ben, pero pouco a pouco fomos arranxando os erros. Ao final, conseguimos facer un produto e-téxtil que funciona. Foi unha actividade interesante e divertida, na que aprendemos cousas novas e puxemos en práctica o que sabiamos. En resumo, foi unha boa experiencia que nos axudou a aprender de forma práctica e creativa. H. P. P. (2º ESO).






domingo, 17 de mayo de 2026

CONTRATO DE VIDA DIXITAL

A Xunta de Galicia vén de lanzar o Contrato de Vida Dixital, é unha iniciativa impulsada a través do Plan Integral de Benestar Dixital 2030. Consiste nun documento e acordo voluntario que asinan conxuntamente o alumnado, as familias e os centros educativos para promover un uso seguro, consciente e responsable da tecnoloxía.


Na miña opinión, esta iniciativa da Xunta de Galicia é positiva porque intenta promover un uso máis responsable e seguro da tecnoloxía entre os adolescentes. Hoxe en día pasamos moitas horas co móbil, o ordenador, a tablet e as pantallas en xeral, e ás veces iso pode afectar ao convivencia, ao descanso ou aos estudos.

Paréceme importante que o alumnado, familias e centros educativos colaboren xuntos para establecer normas e límites, xa que o uso da tecnoloxía forma parte da nova vida diaria. Ademais, creo que este contrato pode axudar a previr problemas como o ciberacoso ou o mal uso das redes sociais.

Tamén considero interesante que fale da desconiexión dixital e do uso responsable da intelixencia artificial, porque son temas moi actuais e que afecta especialmente á xente nova. A.G.B (3º ESO).



jueves, 14 de mayo de 2026

REFLEXIONAMOS SOBRE O USO DA IA NAS AULAS

O noso centro escolar leva anos participando no proxecto Prensa-Escuela de La Voz de Galicia. Isto nos permite ter á nosa disposición xornais en formato papel todos os mércores. Na materia optativa Educación Dixital de 3º da ESO facemos o uso da prensa como un recurso didáctico que nos permite conectar o currículo coa realidade e a actualidade. Hoxe en día a Intelixencia Artificial está deixando de ser unha tecnoloxía experimental para pasar a ser unha ferramenta integrada na nosa vida cotiá. Non obstante, a IA plantexa dilemas éticos urxentes, e precisamente, a través da prensa, os alumnos e alumnas poden entender como se está tratando de regular o seu impacto social, e concretamente nas aulas. 




ANÁLISE DA ENQUISA SOBRE O USO DAS REDES SOCIAIS POR PARTE DOS/AS ADOLESCENTES

Comezamos un ciclo de exposicións orais sobre os proxectos de elaboración de enquisas e análise de datos estatísticos que está a realizar o alumnado de 3º Educación Dixital. 

A través de formularios de Google (Google Forms) cada alumno/a deseñou a súa propia enquisa para compilar respostas a temáticas de interese para os/as adolescentes. Tras a análise das respostas, cada un dos rapaces/as amosará aos seus compañeiros evidencias. A utilización destas ferramentas dixitais na aula contribúe a fomentar o pensamento crítico da nosa mocidade. 




martes, 12 de mayo de 2026

PODCASTS CAMPAÑA MUNDIAL POLA EDUCACIÓN 2026

Un ano máis o noso centro comprométese coa educación promovendo unha serie de actividades e accións a celebrar durante o mes de maio, dentro da CME (Campaña Mundial pola Educación). Durante este mes o alumnado dos diferentes cursos da ESO, nas materias de Relixión, Proxecto Competencial e Educación Dixital, elaboraron os guións e gravaron os audios de monográficos radiofónicos asociados á temática abordada este ano, cuxo  lema central foi "Acción pola Educación", enfocado na educación dixital en situacións de emerxencia. A creación e difusión de podcasts escolares servirá para que o alumnado do CPI Virxe da Cela poda reflexionar sobre a fenda dixital e  amplificar á súas voces na procura na democratización dunha educación universal e de calidade para todos e todas.





viernes, 1 de mayo de 2026

Korbo en 3º de Primaria


Os materiais de construción Korbo están presentes tamén nos desdobres de 3º de Educación Primaria, onde o alumnado traballa tanto a partir de modelos propostos como a través da creación libre. Estas actividades permiten experimentar co funcionamento de engrenaxes e mecanismos sinxelos, fomentando a creatividade, o pensamento lóxico e a resolución de problemas de maneira manipulativa e colaborativa.





Material de lacrosse con Impresora 3D

Empregouse a impresora 3D da aula de Polos Creativos para o deseño e elaboración de material deportivo destinado á práctica do lacrosse no centro. Esta iniciativa permitiu dispoñer de recursos específicos para a introdución deste deporte, combinando innovación tecnolóxica e actividade física. A creación deste material contribúe a enriquecer as propostas de educación física, fomentando novas experiencias de aprendizaxe para o alumnado.




Alumnado de Relixión de 6º de primaria na aula de Polos

O alumnado de Relixión de 6º de Educación Primaria achegouse á aula de Polos Creativos para empregar os lapis 3D nunha proposta vinculada á materia. A través desta actividade, puideron deseñar e crear diferentes figuras relacionadas cos contidos traballados na aula, combinando a aprendizaxe curricular co uso de ferramentas tecnolóxicas e fomentando a creatividade, a motricidade fina e a expresión persoal.






jueves, 23 de abril de 2026

XIV DÍA INTERNACIONAL DE RAPAZAS NAS TIC


 Alumnado de 3º e 4º da ESO participan na videoconferencia. Aula Ferraganchos. De 11:00 a 12:15

Animado coloquio virtual dende o CESGA dirixido a centros educativos, no que participan 4 destacadas galegas emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC, ás que o alumnado participante dos centros galegos de primaria e secundaria poderá preguntar todas aquelas inquedanzas e dúbidas sobre os seus eidos profesionais ou as súas motivacións persoais que as levaron a traballar neste eido.

Este ano contamos con catro investigadoras, unha en simulación computacional, outra en superordenadores, outra en música e computación e finalmente outra en detección precoz do cancro de mama. As catro complementan cos seus perfis diversos unha realidade do mundo profesional na que as tecnoloxías xogan un papel moi importante e as veces non tan "evidente", que seguro despertará a curiosidade das rapazas e rapaces asistentes, e pode abrir novas vocacións cara ao futuro.

A apertura institucional e o coloquio deu comezo ás 11:00, cunha duración de 1 hora e media, ata ás 12:30. 

XIV día internacional das rapazas nas TIC

 

 Crónica de Claudia Caruncho Souto 3º ESO 

Hoxe tivemos unha videoconferencia con catro mulleres do sector das TIC. Cada unha delas compartiu unha historia diferente sobre a súa infancia e como chegaron a ser quen son hoxe. 
1. Marta Castiñeira Reis: Marta traballa como técnica de investigación en simulación computacional e análise de datos para o proxecto EDD-DATAlife. A súa historia comeza no instituto, cando se decatou de que lle gustaban moito as matemáticas, a física e a química. Ao longo da súa vida, licenciouse en química, xa que era a materia coa que máis dificultades tiña nese momento. Pasou tres anos estudando e realizando pequenos experimentos nun laboratorio ata que decidiu cambiar á modernización molecular, que consiste en descubrir como os compostos se transforman noutros. Pareceume moi interesante esta persoa; de feito, era unha das miñas favoritas. Cóntanos que desde moi pequena nunca estivo totalmente segura do que quería estudar, pero co tempo aprendeu a facer o que máis lle gustaba. E así foi como se converteu na persoa que é hoxe. 
2. Aránzazu Sucasas Hermida: Esta muller traballa en Telefónica e, a diferenza de Marta, soubo dende moi pequena o que quería estudar. Escolleu as telecomunicacións e, grazas a todo o seu traballo e esforzo, outorgáronlle unha bolsa para ir a Madrid durante seis anos. Unha vez alí, levou a cabo moitos proxectos e quedou moi contenta co seu progreso. Completou un máster en enxeñaría biomédica e, despois, un doutoramento que lle permitiu investigar os temas que máis lle gustaban naquel momento. Aránzazu tamén me gustou moito e parecéume incrible que dende moi pequena sempre soubese o que quería facer. 3. Hilda Romero Velo: Hilda é unha muller que se dedicou ao mundo da música dende moi pequena. Sempre tocou o piano e, a medida que foi crecendo, foi involucrándose no mundo dos gaiteiros, aprendendo finalmente a tocar ambos instrumentos á perfección dende moi pequena. Centra a súa vida no estudo da Recuperación de Información Musical e a Entomusicoloxía Computacional. Ela cóntanos como, ao longo da súa vida, nunca esperou que a súa carreira na ciencia e a súa carreira na música puidesen estar tan entrelazadas como o están agora, e creo que é bastante rechamante que nunca abandonase o mundo da música. 
4. Patricia González Gómez: Esta muller é unha investigadora de alto rendemento especializada en big data. No instituto, Patricia escolleu as ciencias, xa que era unha das súas materias máis fortes, e aínda que destacou nelas, acabou facendo un curso de electrónica. Hoxe é profesora de informática e está moi contenta co seu crecemento persoal. 
Este é un breve resumo das catro mulleres. Creo que todas elas lograron cousas incribles e demostran que con esforzo pódense conseguir moitas cousas. Algo que me sorprendeu moito deles é que todos teñen algo en común: de nenas, os catro eran moi inquietas, e iso é algo que hoxe en día non consideramos "bo", pero para elas si o era.


Aroa (3º ESO). Esta conferencia axudoume a coñecer mellor o traballo das mulleres no ámbito das TIC e da ciencia. Aprendín que, con esforzo e interese, pódense conseguir moitas cousas nestes sectores. Na miña opinión, a conferencia foi interesante porque puidemos escoitar experiencias reais de mulleres que traballan na tecnoloxía e na investigación. Ademais, creo que este tipo de actividades son importantes para animar a máis rapazas a interesarse por estes ámbitos.

miércoles, 22 de abril de 2026

RADIO: ENTREVISTA A VANESA PORTO

Alumnado de 3º da ESO da materia de Educación Dixital foi o encargado de dar soporte técnico para a gravación de vídeo e de audio das entrevistas do proxecto Buscamos Científicas, promovido polo departamento de Matemáticas. O mércores 22 de abril de 2026, ás 12:15 horas, contamos coa participación de Vanessa Porto González, antiga alumna do CPI Virxe da Cela, que visitou o noso centro  para difundir a súa labor como investigadora. O seu traballo, desenvolvido xunto ao CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela e a empresa ARJUNA Therapeutics, busca combater o cancro atacando o metabolismo enerxético das células tumorais. no eido Mércores





viernes, 3 de abril de 2026

PRÁCTICAS DE FOTOGRAFÍA

Alumnado de 3º da ESO está a realizar prácticas de fotografía empregando a cámara Canon EOS 200D,  unha cámara réflex dixital deseñada especialmente para principiantes e afeccionados que buscan dar o salto desde a fotografía móbil cara a unha calidade profesional. Destaca por ser unha das cámaras réflex máis lixeiras, compactas e doados de usar do mercado.


domingo, 29 de marzo de 2026

VIRXEDACELA SOUND STUDIO

O estudo de gravación máis famoso do mundo é Abbey Road Studios en Londres, coñecido por ser o fogar creativo de The Beatles e escenario de innumerables álbums históricos e bandas sonoras lendarias.  Non pretendemos chegar a esa altura ou nivel, senón aprender as claves básicas para montar o noso propiohome studio: VirxedacelaSoundStudio. Alumnado das materias de proxecto competencial están a aprender os rudimentos básicos para armar un estudo caseiro cunha interface M-Audio M-Track. Conectar  a túa tarxeta ao computador, conectar os micrófonos e instrumentos,  e instalar un DAW (polas súas siglas en inglés, Dixital Audio Workstation) isto é unha Estación de Traballo de Audio Dixital: trátase dun sistema integral de hardware e software deseñado especificamente para gravar, editar, producir, mesturar e masterizar música e son desde un ordenador. 

O equipamento básico que estamos a utilizar:
-Ordenador Macbook
-Tarxeta M-Track
-Micrófono Shure
-Cableado (cables XLR e Jack)
-Auriculares de estudo. 
-Software de edición (DAW) GarageBand (gratuíto en Mac)

 E agora... a gravar... Estamos facendo os primeiros experimentos cun interesante Rap adicado a Rosalía de Castro e composto con intelixencia artificial... Cal será o resultado??





miércoles, 25 de marzo de 2026

RADIO: ENTREVISTA A ANA FERNANDEZ BALO

Mércores 25 marzo 2026. O grupo de 3º da ESO realiza unha entrevista radiofónica a Ana Fernandez Balo, profesional do campo da saúde que vive na nosa comarca. Esta entrevista forma parte dun proxecto de investigación sobre mulleres vinculadas coa ciencia, coordinado polo departamento de matemáticas, baixo o título "Buscamos Científicas".  O alumnado de 3º que cursa a materia de Educación Dixital e Proxecto Competencial encargouse da parte técnica da gravación de imaxe e son.



sábado, 28 de febrero de 2026

Fíos, agullas e tecnoloxía: seguimos aprendendo!

Esta semana, as participantes do itinerario de Polos creativos do PFPP xuntáronse para intercambiar coñecementos e dar os primeiros pasos no manexo das máquinas de coser. Foi unha sesión moi práctica na que puideron experimentar con diferentes teas para probar puntadas, axustes e pequenas técnicas básicas.

Ademais, aproveitaron o encontro para coñecer máis de preto os compoñentes dos Kits de E-Téxtil, explorando as súas posibilidades e o potencial que ofrecen para traballar a creatividade e a tecnoloxía de maneira integrada.

Trátase de recursos moi interesantes e motivadores e vinculados ademais ao noso PDI "Tirando do fío", polo que agardamos poder comezar a experimentar proximamente e valorar como aplicalos co noso alumnado en futuras propostas de aula.









domingo, 15 de febrero de 2026

Artigos para o 50º aniversario do centro

Unha vez mais, aproveitamos os materiais do Polo creativo para facer creacións únicas. Creamos chaveiros conmemorativos do 50º aniversario do centro e chapas con frases típicas da nosa contorna. Estos produtos estarán á venta para as persoas interesadas o día da celebración do aniversario!


                     


Semana de Polos Creativos 25/26

Entre os días 1 e 5 de xuño celebramos no noso centro a Semana de Polos Creativos , unha iniciativa deseñada para achegar ao alumnado e ao p...