jueves, 23 de abril de 2026

XIV DÍA INTERNACIONAL DE RAPAZAS NAS TIC


 Alumnado de 3º e 4º da ESO participan na videoconferencia. Aula Ferraganchos. De 11:00 a 12:15

Animado coloquio virtual dende o CESGA dirixido a centros educativos, no que participan 4 destacadas galegas emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC, ás que o alumnado participante dos centros galegos de primaria e secundaria poderá preguntar todas aquelas inquedanzas e dúbidas sobre os seus eidos profesionais ou as súas motivacións persoais que as levaron a traballar neste eido.

Este ano contamos con catro investigadoras, unha en simulación computacional, outra en superordenadores, outra en música e computación e finalmente outra en detección precoz do cancro de mama. As catro complementan cos seus perfis diversos unha realidade do mundo profesional na que as tecnoloxías xogan un papel moi importante e as veces non tan "evidente", que seguro despertará a curiosidade das rapazas e rapaces asistentes, e pode abrir novas vocacións cara ao futuro.

A apertura institucional e o coloquio deu comezo ás 11:00, cunha duración de 1 hora e media, ata ás 12:30. 

XIV día internacional das rapazas nas TIC

 

 Crónica de Claudia Caruncho Souto 3º ESO 

Hoxe tivemos unha videoconferencia con catro mulleres do sector das TIC. Cada unha delas compartiu unha historia diferente sobre a súa infancia e como chegaron a ser quen son hoxe. 
1. Marta Castiñeira Reis: Marta traballa como técnica de investigación en simulación computacional e análise de datos para o proxecto EDD-DATAlife. A súa historia comeza no instituto, cando se decatou de que lle gustaban moito as matemáticas, a física e a química. Ao longo da súa vida, licenciouse en química, xa que era a materia coa que máis dificultades tiña nese momento. Pasou tres anos estudando e realizando pequenos experimentos nun laboratorio ata que decidiu cambiar á modernización molecular, que consiste en descubrir como os compostos se transforman noutros. Pareceume moi interesante esta persoa; de feito, era unha das miñas favoritas. Cóntanos que desde moi pequena nunca estivo totalmente segura do que quería estudar, pero co tempo aprendeu a facer o que máis lle gustaba. E así foi como se converteu na persoa que é hoxe. 
2. Aránzazu Sucasas Hermida: Esta muller traballa en Telefónica e, a diferenza de Marta, soubo dende moi pequena o que quería estudar. Escolleu as telecomunicacións e, grazas a todo o seu traballo e esforzo, outorgáronlle unha bolsa para ir a Madrid durante seis anos. Unha vez alí, levou a cabo moitos proxectos e quedou moi contenta co seu progreso. Completou un máster en enxeñaría biomédica e, despois, un doutoramento que lle permitiu investigar os temas que máis lle gustaban naquel momento. Aránzazu tamén me gustou moito e parecéume incrible que dende moi pequena sempre soubese o que quería facer. 3. Hilda Romero Velo: Hilda é unha muller que se dedicou ao mundo da música dende moi pequena. Sempre tocou o piano e, a medida que foi crecendo, foi involucrándose no mundo dos gaiteiros, aprendendo finalmente a tocar ambos instrumentos á perfección dende moi pequena. Centra a súa vida no estudo da Recuperación de Información Musical e a Entomusicoloxía Computacional. Ela cóntanos como, ao longo da súa vida, nunca esperou que a súa carreira na ciencia e a súa carreira na música puidesen estar tan entrelazadas como o están agora, e creo que é bastante rechamante que nunca abandonase o mundo da música. 
4. Patricia González Gómez: Esta muller é unha investigadora de alto rendemento especializada en big data. No instituto, Patricia escolleu as ciencias, xa que era unha das súas materias máis fortes, e aínda que destacou nelas, acabou facendo un curso de electrónica. Hoxe é profesora de informática e está moi contenta co seu crecemento persoal. 
Este é un breve resumo das catro mulleres. Creo que todas elas lograron cousas incribles e demostran que con esforzo pódense conseguir moitas cousas. Algo que me sorprendeu moito deles é que todos teñen algo en común: de nenas, os catro eran moi inquietas, e iso é algo que hoxe en día non consideramos "bo", pero para elas si o era.


Aroa (3º ESO). Esta conferencia axudoume a coñecer mellor o traballo das mulleres no ámbito das TIC e da ciencia. Aprendín que, con esforzo e interese, pódense conseguir moitas cousas nestes sectores. Na miña opinión, a conferencia foi interesante porque puidemos escoitar experiencias reais de mulleres que traballan na tecnoloxía e na investigación. Ademais, creo que este tipo de actividades son importantes para animar a máis rapazas a interesarse por estes ámbitos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Semana de Polos Creativos 25/26

Entre os días 1 e 5 de xuño celebramos no noso centro a Semana de Polos Creativos , unha iniciativa deseñada para achegar ao alumnado e ao p...